Pregón Neghra Sombra 2019.- Viki Rivadulla

Boa tarde benvidos e benvidas a esta Revolta das Letras!

Antes de comezar coa lectura do pregón quero dar as gracias á organización por convidarme e darlle os parabéns por esta festa da que xa gocei o ano pasado e gustoume moito.

Ben, o primeiro que me veu a mente cando me falaron de ler o pregón de Neghra Sombra foi algo evidente: Rosalía. O nome do evento lévame directamente a ela, e con ela a dúas resistencias que para min son importantes e que son : a resistencia das mulleres e a resistencia da nosa lingua.

Por iso eu creo que hoxe estamos aquí na festa da resistencia.

Son dúas resistencias e dúas loitas que son fundamentais na miña vida e tamén no noso país.

Mulleres e lingua. Nos dous ámbitos hai asoballamento e aldraxe.

Mulleres e lingua : excluídas, agredidas, silenciadas, aldraxadas, ninguneadas, mutiladas, amputadas…reducidas ao ámbito doméstico. Agachadas e cubertas co manto da neghra sombra.

Mulleres e lingua galega que teñen que loitar para gañar para si o lugar que lles corresponde, gañar para nós mulleres e galegofalantes o espazo público.

Territorio a conquistar: A vida da polis feita en galego e con palabras de muller.

Mulleres e lingua estamos a sufrir violencia e mesmo violencia institucional. Cultura da violación dos nosos corpos de muller e da nosa identidade como pobo.

Rosalía tivo a grandeza e a valentía de ver isto nadando a contracorrente e defender os dereitos das mulleres e poñer á nosa lingua onde lle correspondía.

Tentaron silenciada, chamáronlle tola. Sufriu en carne propia o illamento. Pero cando non puideron calala, tentaron convertela nunha santiña, para neutralizar todo o perigo que representaba para o poder unha revolucionaria coma ela. Como tentan hoxe banalizar o feminismo e baleiralo de contido para que perda a súa forza.

Como tentaron converter a nosa lingua nun reduto de folclorismo, ou nunha fala riquiña , melosa e saudosa, cando non mexericas ou apta só para chistes e brincadeiras. A nosa fala non é iso. A nosa fala é forte e rexa coma o mar da Costa da Morte, coma as árbores que pintou Antón Mouzo, vizosa e chea de vida.

Uno no meu discurso ás mulleres coa lingua non solo pola lembranza de Rosalía, tamén porque foron elas as que nos transmitiron a fala contándonos os contos mentres nos peiteaban , e mentres nos daban as papiñas con leite. Con cada cullerada ían as verbas na nosa lingua , nos xogos e tamén  nos aloumiños : “miña ruliña”, “miña xoia, meu repoliño” …ou cando as avoas rifaban con nós: “Ta queda ho, arreneghado sexa o demo!”

A nosa lingua tan fermosa, tan viva pero tan maltratada e que aprendemos da boca das nosas avoas.

Eu nacín xunto ao mar, no Barrio de Monte Alto na Coruña, e son de Muxía por familia e por vontade. Tamén son dese barrio coruñés que mira ao mar. As miñas orixes están pois ligadas ao mar e a xente do mar fala en galego porque a nosa lingua é quen de dar conta do que é o noso mar , a nosa identidade, do que é o traballo, os oficios , os peixes. Como imos contar o que é a arroutía, o o  xaramiño, -hai que ver cantas palabras en galego hai nun tombo de mar!-, como imos atalingar anzois, como imos comer xarda ou ollomol ou como imos  andar ao palangre ou ao corricán se non temos a nosa lingua? Como vai marchar a borraxeira? Como imos entender a neghra sombra para poder escorrentala? Como dar conta do noso mundo sen o noso fermoso idioma feito  a medida para el?

O galego é vital para a nosa existencia, e temos que coidalo.

E aquí quero lembrar que estamos nun lugar vizoso en literatura, en poetas e escritores e escritoras que coidan da nosa lingua. A Costa da Morte é terra de poetas. Hoxe imos ter aquí un bo número de representantes desta literatura nosa e temos que recoñecerlle todo o que fan por manter en forma o galego. O seu traballo é moi necesario. Non deixemos de ler e escoitar a súa obra porque son tamén un bo exército de resistencia e as mulleres escritoras saben ben diso.

Mulleres e lingua galega , ámbalas dúas presentadas coma non válidas, coma inferiores, nesta estratexia  de covardes que teñen medo a enfrontar cara a cara a nosa forza , o noso poderío .

Pois aquí estamos: son muller falando en galego na praza pública;  conxurando a neghra sombra con festa, con música, con calor e poesía…pero tamén coa firme resolución de non dar nin un paso atrás.

Que veñan as cantareiras cos seus aturuxos, eses cantos fondos, eses ouveos de guerra que son anuncio do que somos, un pobo orgulloso do noso que estamos aquí e aquí imos quedar!

Anímovos a traballar o empoderamento da nosa lingua , a falala en cada momento das nosas vidas, a falala aos fillos, non lles neguedes esa riqueza!

Imos tomar o castelo, derrubar os muros que nos silencian a golpe da música e da poesía, coa forza do noso amor e das nosas verbas. En feminino, en plural, como pobo con identidade, orgullosas do noso, e en galego, a lingua máis fermosa , a que nos da as verbas necesarias para contarnos como pobo, para nomear os nosos peixes e as nosas árbores.

En galego sempre! por mil séculos de vida para a nosa cultura, collamos a forza do colectivo e gocemos desta festa!.

Que a neghra sombra sexa a que proxecta a tribo que se xunta a cantar e a falar, que non sexa máis unha neghra sombra do esquecemento e o silencio que sexa a  sombra que proxectan os homes e mulleres de Vimianzo, de Soneira, da Costa da Morte, da Galiza xuntos na loita e na resistencia.

Mulleres, lingua, loita e resistencia. Gozade da festa irmáns!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: